Xornada de votacións nos xulgados da Parda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O edificio xudicial da Parda viviu este mércores unha xornada moi intensa de votacións. Mentres nunha das salas de vistas da planta baixa os funcionarios que encaran a súa sexta semana en folga indefinida votaban sobre o futuro das negociacións coa Xunta de Galicia, no quinto piso 28 fiscais estaban chamados á urna para elixir aos novos vogais do Pleno do Consello Fiscal.
Os funcionarios en folga votaron nunha sala da primeira planta entre as 12.00 e as 17.00 horas nunha votación secreta e en urna para establecer a postura dos traballadores ante as negociacións coa Xunta de Galicia nun dos puntos máis polémicos e centrais das súas reivindicacións, a subida salarial lineal para lograr achegarse ou equipararse ao soldo medio do persoal do resto das comunidades autónomas coas competencias en xustiza transferidas.
As votacións realizáronse en toda Galicia e votaron 1.430 dos ao redor de 2.700 traballadores chamados á folga e ás urnas. Por maioría, en toda Galicia, a postura que saíu das votacións foi que o comité negociador non se vexa limitado pola que ata agora era unha das súas liñas vermellas, lograr unha subida lineal de 190 euros.
En total, o 65,9% (942) apoiaron que eses 190 euros non sexan unha "postura mínima obligatoria". No caso de Pontevedra, esa porcentaxe foi lixeiramente inferior. Dos 231 traballadores que acudiron a votar, 133, o 60% apoiaron esa postura que agora seguirá o comité de folga.
Os fiscais tiñan unha xornada de votación máis prolongada, entre as 9.00 e as 19.00 horas de forma ininterrompida, e unha mesa de votación con tres membros, o fiscal xefe e os representantes máis novo e maior do ministerio público en Pontevedra, así como un interventor dunha das tres asociacións que presentaban candidatos. Ao mediodía, o seguimento era maioritario e a previsión era que todo o censo -ou practicamente todo- pasase pola biblioteca.
O censo electoral, no seu caso, eran os 28 fiscais da área de Pontevedra e o obxecto da votación elixir entre os aos novos vogais do Consello Fiscal, o órgano de representación da carreira fiscal, que ten un mandato por catro anos. O sistema de votacións ten listas semiabertas e tan só hai un candidato titular procedente de Galicia e ningún de Pontevedra. O galego é Alvaro García Ortiz, de UPF.
Na actualidade, os novo membros do Ministerio Público pertencen á Asociación de Fiscais (6) e a Unión Progresista de Fiscais (3). Nestas votacións, ás que están chamados ás urnas 2.400 traballadores, tamén presenta candidaturas a Asociación Profesional Independente de Fiscais ( APIF).
Relacionadas:
-
Rueda anuncia que esta semana se convocará a mesa de negociación na administración de xustiza
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |
-
Como ser Alfonso Rueda
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
40 coches en caravana para denunciar a discriminación laboral do persoal de Xustiza
Por Redacción |
-
O comité de folga consulta aos funcionarios de xustiza se se planta na subida de 190 euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os traballadores da xustiza cumpren cinco semanas en folga en medio de mobilizacións
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Os xulgados da Parda acollen un reivindicativo enterro do "bicho da Xustiza"
Por Anxo Lourido |