Unha empresa contrata os 17 alumnos dun curso de formación do Concello de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Un curso de formación en montaxe de estruturas metálicas financiado polo Concello de Ponte Caldelas en colaboración coa empresa "Metal Works and Structures" acadou a inserción laboral das 17 persoas que participaron nel.
O Concello asumiu un 70% do custo da formación, cun orzamento total de 17.500 euros. Deste xeito, os asistentes só tiveron que asumir 300 euros que, mesmo nalgúns casos, aboarán como desconto na súa primeira nónima. Dáse a circunstancia de que ao curso sumouse tamén un mozo de Vigo que pagou os 1.300 euros íntegros do prezo da formación.
O alcalde, Andrés Díaz felicitou aos participantes, con idades comprendidas entre 20 e case 50 anos, e subliñou que moitos deles estaban en paro ou en situacións económicas complicadas e abren unha nova etapa. Ademais, agradeceu á empresa a contratación da totalidade dos cursillistas, pois o compromiso inicial co Concello era a de seleccionar "a un mínimo do 50% dos aprobados".
No acto de entrega de diplomas participou Daniel Prego, xefe de Recursos Humanos de Metal Works, que relatou que a crise económica provocou unha ausencia de profesionais cualificados en estruturas metálicas. Os que había, engadiu, ou están asentados no sector naval ou emigraron, así que hai unha demanda laboral que non se está a cubrir. Os ciclos de formación profesional existentes, rematou, non achegan a formación específica e o perfil que unha empresa como Metal Works necesita.
Os catro primeiros traballadores de Ponte Caldelas incorporaranse ao cadro de persoal da empresa despois de Semana Santa e o resto, ata completar o total de 17, farano gradualmente nos próximos meses.