Mulleres emprendedoras reuniranse en setembro en Pontevedra para debater sobre liderado feminino
Por Redacción
O papel da muller na sociedade e na empresa será obxecto de debate o próximo 19 de setembro en Pontevedra. A cidade acollerá a terceira edición do Foro nacional sobre liderado feminino e empresa 'Tempo de Mulleres'.
A concelleira Carlota Román participou este pasado martes na segunda edición do foro, celebrada no barcelonés Pazo de Congresos de Cataluña coincidindo coa festividade de Sant Jordi. Durante o evento xa se confirmou a elección de Pontevedra e proxectouse un vídeo sobre a capital das Rías Baixas.
Carlota Román destacou que Pontevedra converterase así, por un día, na capital española das mulleres emprendedoras, directivas e empresarias interesadas no liderado feminino e nos recursos humanos. O congreso contará coa asistencia de entre 200 e 300 persoas e converterase tamén nunha oportunidade de promoción turística da cidade.
O foro, que chega a Pontevedra despois de ter pasado por Zaragoza e Barcelona, consiste nunha ampla programación de conferencias, actos de formación e obradoiros ao longo de toda a xornada, sempre coa perspectiva empresarial feminina, e conclúe coa entrega ás gañadoras dos premios Tempo de Mulleres nos ámbitos da Comunicación e Creatividade, Innovación, Iniciativa e Proxección Empresarial e á mellor Traxectoria profesional.
Entre os premiados durante as dúas primeiras edicións atópanse figuras coñecidas do sector audiovisual como Icíar Bollaín e Pepa Bueno, pero tamén do mundo científico como Celia Sánchez-Ramos ou empresarial como Mónica Oriol. Durante a segunda edición participaron 15 expertos que trataron distintos aspectos do desenvolvemento persoal e empresarial. O acto de peche estivo a cargo da deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada.
Carlota Román considera que o foro será unha excelente oportunidade para todas aquelas persoas que estean pensando en poñer a andar unha empresa ou simplemente en facer carreira empresarial. O enfoque feminino está moi presente en todas as intervencións, pero o congreso está aberto a todas as persoas interesadas na empresa.