Grupos animalistas piden explicacións á Deputación pola súa relación cunha feira de caza
A Feria de Caza, Pesca y Naturaleza, FECAP Abanca, celebrará a súa quinta edición en Silleda cunha programación dedicada entre outras cousas, a exhibicións, talleres, xornadas técnicas, cursos e entregas de premios relacionados co mundo da caza e a pesca.
Fronte a ese feito, o sector animalista instou ao goberno provincial a dar explicacións sobre a súa suposta implicación no evento, que se celebrará conxuntamente coa Feira internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal recibe máis de 100.000 visitantes cada edición.
A presenza da imaxe institucional da Deputación de Pontevedra na promoción do certame fixo que a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber sospeiten dun posible patrocinio por parte do goberno provincial a unha actividade exercida por unha feira que cualifican como 'lobby procaza', capaz de reducir as zonas de seguridade de batidas no ano 2013 e promover prebendas en canto ás denominadas "canceiras deportivas" na nova Lei de Benestar Animal de Galicia.
A FECAP, segundo a Asociación Libera, representa uns valores que promoven os malos tratos animais. Entre as súas entidades colaboradoras, afirman, inclúense organizacións que defenden elementos como os colares de descargas eléctricas e a mutilación de orellas, rabos ou cordas vocais aos animais domésticos.
O grupo provincial de Marea-Son dirixirá unha batería de preguntas ao goberno de Carmela Silva a petición dos defensores dos animais. Entre as medidas tomadas pola institución desde o ano 2015 en contra dos malos tratos animais están a supresión de subvencións a corridas de touros ou a recente oposición aos campionatos de caza de raposos con cans.