80 granxas de polos do Salnés en perigo de desaparición
Por Redacción
Nomes concretos das grandes cadeas de alimentación son as causantes da grave crise que está a sufrir o sector avícola de carne na provincia de Pontevedra, segundo o presidente da Asociación de Criadores Avícolas de Galicia (ACRIAGA), Javier López. Este representante acusa a Carrefour, Alcampo, Hipercor e Mercadona de desenvolver prácticas de monopolio que atentan contra a competencia porque fixan o prezo de compra á baixa provocando grandes perdas para o sector. Segundo sinalou nos últimos 6 meses, as granxas avícolas da provincia de Pontevedra levan perdidos máis de 8 millóns de euros ata o punto de que empresas fortes como Louriña tivo que pechar o 25 de marzo.
López indicou que aos produtores lles custa 1,95 euros producir un quilo de polo, que as grandes empresas están a comprar a 1,47 para vendelas a 1,99. Polo tanto, segundo o responsable de ACRIAGA, as granxas avícolas perden 47 céntimos por cada quilo de carne de polo.
Ante esta situación reclaman a intermediación da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para que force unha entrevista entre as dúas partes co obxectivo de chegar a un acordo que evite o afogo que está a sufrir o sector. Segundo afirmou, no Salnés poden chegar a desaparecer 80 empresas de produción de polos que producen, cada unha delas, ao redor de 50 mil aves ao ano.
Os outros dous puntos da provincia nos que existen máis granxas son a bisbarra Deza-Tabeirós e O Baixo Miño.