Fresado e asfaltado da rúa Castelao dende o venres pola tarde
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está a estudar a posibilidade de incluir a rúa Castelao dentro do ámbito de peonalización da rúa Cruz Gallástegui. Mentres se realizan os estudos pertinentes e demais tramitación administrativa, faise necesario o asfaltado da rúa porque o firme se atopa nun evidente deterioro. Con estes traballos mínimos, garántese que o firme manterase en condicións óptimas até que se acometa proximamente a actuación prevista neste ámbito.
Co fin de non prexudicar actividade comercial e garantir servizo permanente ao Hospital Domínguez, o Concello deu instrucións de acometer esta reparación en dúas fases. A primeira comeza mañá mesmo co fresado da rúa. Será entre as 16.00 e as 18.00 horas habilitando un operativo especial de tráfico que garante o acceso de ambulancias e a garaxes.
A segunda parte dos traballos farase o luns, 29 de abril, a partir das 08.30 horas. Será o asfaltado que terá unha duración dun par de horas, aproximadamente.
A Concellaría acordou realizar este asfaltado aproveitando que a maquinaria se atopará na zona con motivo do asfaltado da rotonda de Loureiro Crespo con José Malvar prevista para o venres e sábado. Esto permitirá aforrar costes na execución da obra.