Un autobús interactivo anima aos pontevedreses para visitar o norte de Portugal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A praza de España acolleu luns 12 un autobús configurado como unha oficina interactiva de turismo móbil dentro da campaña de promoción en rede do Porto e do norte de Portugal.
Este autobús promocional coñécese como TOPAS (Tourism Office Public Auto Service). Foi fabricado no ano 2012 para transportar pasaxeiros dentro da cidade do Porto e o aeroporto, e foi adaptado para o transporte exclusivo de persoas con discapacidade (estivo ao servizo da selección inglesa nos Xogos Paralímpicos). Actualmente transformouse nunha tenda interactiva de turismo, que circulará por Europa divulgando o mellor do norte de Portugal.
Esta tenda ambulante está dotado cun panel continuo de LED no lateral e na parte traseira do autobús no que se poden visualizar imaxes nunha pantalla panorámica.
O mercado español é o de maior importancia deste destino que presenta como grandes atractivos: A natureza dos territorios do norte de Portugal, o turismo accesible e o encanto dos seus catro lugares Patrimonio da Humanidade como son o centro histórico do Porto, o centro histórico de Guimarães, os viñedos do Alto Douro e o Val do Côa.
Os seus catro parques naturais (Peneda Gerês, catalogado como parque nacional, Monteshino, Alvão e Douro Internacional); o Geoparque de Arouca e o de Terras de Cabaleiros; as súas dúas reservas da biosfera transfronteiriza; as súas dúas paisaxes culturais Patrimonio da Humanidade (os sitios de arte rupestre do Val do Côa e a rexión vitícola do Alto Douro); os seus seis espazos recoñecidos na Carta Europea de Turismo Sustentable (Peneda Gêres, Monteshino, Alvao, Douro Internacional, Montañas Máxicas e Alto Miño) e os seus 19 sitios da Rede Natura 2000 son paradas obrigadas na folla de ruta de todo amante da natureza.
Ademais o turismo gastronómico atópase nos cinco principais motivos polos que os visitantes lles visitan. O ano pasado foron máis de 7,5 millóns de pernoitas, as que rexistrou este destino segundo datos ofrecidos por Turismo de Porto e Norte de Portugal.