Asfaltado da rotonda de Loureiro Crespo con José Malvar, o venres e sábado
Por Redacción
O Concello de Pontevedra asfaltará este venres e sábado a rotonda da confluencia das rúas Loureiro Crespo con Doce de Novembro e José Malvar. Nesta zona o asfalto atópase bastante deteriorado, polo que a Concellería delegada da zona urbana, que xestiona Luís Bará acordou incluíla dentro do contrato de mantamento de espazos urbanos deste ano.
Nesta obra aproveitáronse varias sinerxias que se darán na fin de semana. Por un lado, coincide co asfaltado e mellora da rúa que debe facer a constructora Construcuatro que está a levantar o edificio da esquina Loureiro Crespo con Doce de Novembro. Os traballos da empresa realizaranse o venres.
Ao mesmo tempo, a Policía que coordinará un operativo especial de tráfico para esta obra, decidiu trasladala ao venres e sábado, dado que coincide co dispositivo especial do Campionato de España de Duatlón. Por este motivo, a afluencia de tráfico a esta zona da cidade será bastante menor (e tamén ao coincidir en fin de semana), así que se aproveita esta situación para realizar o asfaltado en sábado.
O asfaltado de Loureiro Crespo comezará o venres ás 10.00 horas. Nese momento pecharase ao tráfico o carril de baixada cara José Malvar, unha vez rematada a entrada aos centros de ensino. Este peche manterase durante toda a duración da obra, até o sábado ao mediodía, previsiblemente.
Na xornada do sábado o peche de José Malvar será total. Dende a rotonda de Loureiro Crespo até a rotonda de Valdecorvos, nos dous sentidos.
As obras poderían rematar ao mediodía, cando está previsto volver abrir a rúa ao tráfico.
A Policía Local advirte que o tráfico procedente de Doce de Novembro e Loureiro Crespo canalizarase por Casimiro Gómez cara a rúa da Seca.
Pola súa banda, aos residentes en Monte Porreiro recoméndase as saídas e accesos ao barrio pola ponte de Monte Porreiro ou pola avenida de Lugo.