Xulgan tres empresarios por estafar unha inmobiliaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para este martes día 6 de marzo un xuízo por estafa. Xulgarase tres persoas acusadas de quedar con 157.000 euros que lles foron entregados para a posta en marcha dun proxecto inmobiliario en Brasil que nunca levaron a cabo.
A Fiscalía pide tres anos de prisión para cada un dos eles, multa e que devolvan o diñeiro. Este caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
Segundo o relato dos feitos que fai o Ministerio Público no escrito de acusación, tres empresarios, J.R.L.P., R.H.B., e J.M.C.E., compraron no ano 2008 dous terreos no municipio turístico de Nisia Foresta sobre os que elaborou un proxecto de construción dun complexo turístico xunto ás praias de Búzios.
Para financiarse contactaron cunha inmobiliaria de Pontevedra que achegou 157.000 euros para poder participar no negocio.
O fiscal sostén que "os acusados non tiñan intención algunha de levar a cabo as obras" e afirma que quedaron co diñeiro da inmobiliaria pontevedresa e logo venderon os terreos de Brasil.