A Policía Nacional detén os presuntos autores dun roubo no interior dun autobús
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da comisaría de Marín identificaron e detiveron dous homes, de 42 e 36 anos de idade respectivamente, veciños de Marín, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de roubo con forza en interior de vehículo.
Os feitos remóntanse a finais do mes de xaneiro, cando a condutora dun autocar presentou unha denuncia en dependencias xudiciais.
Segundo o seu relato, estacionou o autobús na Praza de España e ausentouse para tomar un café. Á súa volta atopouse coa ventá do vehículo rota, aparentemente cunha pedra que se atopaba no asento.
A condutora sinalou que os ladróns levaran a caixa das moedas coa recadación do día, que ascendía a 14 euros, e outros 25 euros en cambio.
Tras recibir a denuncia a Policía Nacional iniciou unha investigación que concluíu coa identificación e detención dos dous veciños de Marín.