O PP esixe a paralización das obras na contorna do local social de Cerponzóns
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular esixe ao goberno local de Pontevedra a paralización das obras na contorna do local social de Cerponzóns ata consensuar cos veciños este proxecto. A través dunha moción que presentarán no vindeiro pleno municipal, os populares demandan que se teña en conta as "necesidades reais dos veciños deste lugar e escoite as súas peticións".
"Unha vez máis, a imposición impera na forma de traballar do goberno de Lores", lamentou este xoves o concelleiro popular, César Abal, facéndose eco dun "importante malestar entre a veciñanza", sinalou.
O edil popular explicou que despois de que presentasen o seu proxecto no Consello Parroquial, numerosos veciños fixeron as súas achegas e suxestións ao respecto, "pero lamentablemente o goberno do BNG non tivo en conta ningunha delas", apuntou.
César Abal lembrou que a propia asociación de veciños O Chedeiro amosara o seu rexeitamento ao proxecto e en concreto á construción dun muro de formigón que invadiría o límite da calzada. Para os populares resulta "incomprensible" que "se obrigue a un veciño a ceder terreo para poder ampliar o camiño de paso cando se arranxa un muro, e o Concello non cumpra co mesmo".