Xa se pode solicitar praza nos colexios de Pontevedra para o curso 2018-2019
Por Redacción
Ata o próximo 20 de marzo estará aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2018-2019. É un trámite que deben cumprir os pais e nais dos alumnos que entran por primeira vez no sistema educativo e os que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.
Para tal fin, Educación implantou unha nova ferramenta informática -que xa funciona desde o curso pasado- para xestionar o procedemento de admisión e a través da cal os proxenitores, se así o desexan, poderán cumprimentar e presentar as solicitudes de escolarización.
Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.
A aplicación admisionalumnado posibilita que as familias cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.
Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor asinante.
Tal como quedou establecido nun sorteo público, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron Z-T para o primeiro apelido e C-J para o segundo.