Rouco Varela celebra o "esplendor" que adquiriu a Semana Santa de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
A Semana Santa xa está aquí. Un ateigado Teatro Principal acolleu este luns o inicio dos actos desta celebración relixiosa. O cardeal Antonio María Rouco Varela foi o encargado de ofrecer un pregón no que reivindicou o "esplendor" que, ao seu xuízo, adquiriu a Semana Santa de Pontevedra.
Rouco Varela, que explicou que non visitaba a Boa Vila desde hai máis de 20 anos, celebrou a "boa noticia" que supón o alcance que ten a Semana Santa pontevedresa tras "revitalizar" as procesións que se organizan nestas datas. Por iso é polo que animase a todos os pontevedreses a que gocen desta celebración.
A este respecto tamén agradeceu o traballo diario dos párrocos de Pontevedra "que coidaron da caridade" e das confrarías da cidade, "unha bellísima mostra da piedade fonda que sempre caracterizou a Pontevedra".
Ao longo da súa intervención, o arcebispo emérito de Madrid fixo un repaso pola historia de Pontevedra, cidade da que destacou que comezou a despegar a finais do século XII "impulsada pola fe cristiá" dos seus habitantes que, a día de hoxe, "segue viva".
Santiago de Compostela "non existiría" sen a súa catedral, engadiu, da mesma maneira que entende que Pontevedra tampouco o faría sen templos como o convento de San Francisco, a Basílica de Santa María ou o santuario da Peregrina.
O programa central da Semana Santa comezará o vindeiro domingo 25 de marzo coa tradicional bendición de palmas e a procesión da Burrita no atrio de San Francisco.