Falece un octoxenario tras caer de forma fortuita ao estanque da súa casa en Vilanova de Arousa
Por Redacción
Un accidente fortuito. ÿ a causa aparente do falecemento dun octoxenario que se caeu ao estanque do xardín da súa casa. Ocorreu sobre as oito da mañá nunha vivenda unifamiliar situada no lugar de O Monte, na parroquia de Deiro (Vilanova de Arousa).
O home, duns 88 anos de idade, foi atopado polos seus familiares. Tras chamar ao 061, foron estes os que se puxeron en contacto co 112 Emerxencias Galicia.
Segundo apuntaron desde este servizo, mobilizouse un helicóptero para evacuar á vítima, xa que os sanitarios trataban de reanimalo. Con todo, pouco puideron facer máis que certificar a súa morte, polo que finalmente non foi necesario que despegara.
Ademais da ambulancia asistencial e un médico do 061, ao lugar dos feitos desprazáronse Protección Civil de Vilanova de Arousa, e a Garda Civil. Fontes do Instituto Armado explicaron que, tralos primeiros datos recabados, supostamente o home esvaeceuse ou tropezou e precipitouse ao estanque.