Comezan as expropiacións para a execución da senda entre Covelo e Raxó
Por Oskar Viéitez
A Xunta publica este xoves no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Covelo e Raxó.
O decreto de utilidade pública comprende a expropiación dos 46 predios, cun custo estimado de preto de 42.000 euros, que farán posible levar a cabo esta actuación, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros.
A actuación prevista ten por finalidade completar un itinerario seguro e sustentable entre a travesía de Samieira, en concreto, no punto de intersección co acceso á praias e ao porto de Covelo, ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes en Dorrón.
En total, serán 3,7 quilómetros de senda, completando as beirarrúas xa existentes nalgún dos treitos, e repartíndose entre 2,3 quilómetros pola marxe esquerda e 1,4 pola dereita.
Prevense actuacións complementarias coma a dotación de zonas de aparcadoiro onde o espazo o permite; a instalación de sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios; a extensión dunha capa de rodadura no tramo inicial da travesía de Raxó; a renovación da sinalización vertical e a recolocación da iluminación nos tramos precisos.
Trátase dun treito de estrada de características moi urbanas, con numerosas vivendas e actividade nas marxes da estrada, polo que a construción da senda, ademais de facilitar unha mobilidade sustentable, mellorará de forma moi notable a seguridade nos desprazamentos para os veciños e usuarios dos restaurantes da zona.
Relacionadas:
-
A Xunta convoca aos afectados polas expropiacións da senda entre Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
A Xunta espera iniciar as obras da senda entre Covelo e Raxó a finais deste verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta resposta ás críticas dos ciclistas defendendo a "mellora da seguridade" na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Tres glorietas en Samieira, Covelo e Raxó para mellorar a seguridade da PO-308
Por Redacción |