O fiscal retira a imputación a Marta Paz pero mantén a petición de xuízo oral para sete miguelianos
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra recibía nas últimas horas un escrito da Fiscalía de Vigo en relación co caso da organización dos miguelianos. Neste documento solicítase a conclusión do sumario do caso para abrir xuízo oral contra sete das persoas implicadas nesta trama, entre as que se inclúe a Ivana Lima e a Iria Quiñones, ademais do líder Feliciano Miguel Rosendo da Silva.
Neste escrito da Fiscalía, pola contra, non se fai referencia a Marta Paz, a muller que era considerada a man dereita do líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel. Paz Alonso fora detida en 2014 xunto a Rosendo da Silva e desde entón atopábase suxeita a medidas cautelares coa obriga de presentarse semanalmente nos xulgados.
Nun comunicado asinado por Marta Paz, Ivana Lima e Iria Quiñones, a consagrada indica que viu truncada e sometida a súa vida a escarnio público e que, durante este tempo, sufriu "rexeitamento social, desamparo e absoluta indefensión".
Estas tres mulleres pertencentes ás consagradas miguelianas protagonizaron unha rolda de prensa en Pontevedra esta semana xunto a tres sacerdotes e familiares para manifestar a súa inocencia e declarar que esta situación pola que están pasando é inxusta.