O BNG denuncia o "disparo" das listas de agarda nos Centros de Combarro e Anafáns
Por Oskar Viéitez
O BNG de Poio denuncia que as listas de agarda nos Centros de Saúde de Combarro e Anafáns se están disparando como consecuencia de non substituír aos profesionais de baixa ou de permiso.
Segundo os nacionalistas de Poio, hai esperas de máis de doce días para unha consulta co médico de cabeceira e para as analíticas e moitos pacientes que precisan un seguimento personalizado agora non poden ser atendidos, ocasionando trastornos no seu tratamento, e en moitos casos vense obrigados a acudir a Urxencias.
Ademáis, engade o Bloque, os profesionais están a soportar unha sobrecarga de traballo ao ter que cubrir o cupo dos compañeiros, e a prolongar a súa xornada laboral.
O BNG entende que a veciñanza de Poio leva "demasiado tempo esperando por un Centro de Saúde dotado de medios materiais e humanos" como correspondería para unha poboación de máis de 17.000 habitantes que no período de verán se duplica. "Pero a falta de compromiso do goberno do Partido Popular, especialmente, coa Atención Primaria está a por en perigo a asistencia sanitaria no Concello de Poio", critican.
Desde o BNG de Poio están a desenrolar unha campaña de presión social que incluirá repartos masivos de boletíns informativos sobre o problema das listas de agarda nos centros de saúde locais e, en breve, tense previsto presentar unha Moción no Concello, así como levar o asunto ao Parlamento Galego da man do deputado Luís Bará "para coñecer de primeira man e por boca do Conselleiro de Sanidade", cales son as intencións do SERGAS a respecto da construción do novo Centro de Saúde, se é a súa intención manter os actuais consultorios de Raxó e Combarro, "tal e como ven esixindo a Corporación Municipal", e que medidas pensa adoptar, de xeito inmedito, para cubrir as baixas do persoal e rematar así coas listas de agarda.
O BNG urxe aos responsables da Conselleira de Sanidade a axilizar os trámites para a construción do Centro de Saúde e a ao compromiso para manter as actuais infraestruturas sanitarias de Combarro e Raxó.
Relacionadas:
-
Ampliar Anafáns é, de novo, a opción do Sergas para o centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Unha parcela en San Salvador, a que "máis gusta" para o novo centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Unidade no goberno local do Poio: centro de saúde si, pero sen pechar os ambulatorios de Combarro e Raxó
Por Diego Espiño |