Un muro de contención elimina o perigoso noiro de terra de Mirón
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de rematar unha obra pola que se eliminou un noiro de terra no núcleo rural de Mirón que dividía a pista central en dous brazos.
Agora o desnivel quedou contido cun muro de perpiaño que, ao tempo, permite gañar metro e medio de anchura na parte superior e en torno a medio metro na inferior.
O Goberno local quedara comprometido a realizar esta mellora durante a celebración da Festa da Troita neste lugar, a pasada primavera. A veciñanza reclamara esta actuación que consideraban moi necesaria.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a obra e amosou a satisfacción polo resultado acadado, pois, subliñou, tamén supón unha mellora na seguridade viaria ao gañar anchura para o paso dos vehículos. "Era unha desas obras que podemos dicir que son "de caixón" porque resultaba incomprensible que unha vía municipal tivera aquel noiro de terra no medio, ocupando tanto espazo e imposibilitando o paso normal de dous coches", destacou.
A execución permitiu tamén racionalizar a situación dos postes dos tendidos de servizos e a colocación dos colectores de lixo.
Por outra banda, o Goberno local lembra que tamén realizou durante este mandato unha obra de acondicionamento da Casa do Pobo, situada a carón deste punto, así como a reparación de todo o valado da carballeira de Mirón e a colocación dun "quitamedos" na pista que vai a Contixe.