Non haberá 'tiro ao pombiño' na Toxa
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de confirmar que, tras a entrada en vigor da nova lei de benestar animal, non concederá autorización para a celebración do tradicional campionato de 'tiro ao pombiño', que anualmente se organizaba na illa da Toxa.
A resposta do executivo autonómico prodúcese logo da advertencia explícita da Asociación Animalista Libera e da Fundación Franz Weber acerca dunha solicitude de realización en xullo dun novo "campionato de matanza de aves" no Grove.
A petición dos organizadores, segundo estes colectivos, rexistrouse en xaneiro. A través dunha misiva asinada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, o goberno galego sinala que a lei actual non exceptúa de prohibición o 'tiro ao pombiño' e como consecuencia esta actividade non sería autorizable.
Cada edición deste torneo, recordan os colectivos animalistas, supoñía "entre 15.000 e 20.000 aves tiroteadas", algo que cualifican como unha "auténtica salvaxada" que se equipara máis coa "caza enlatada".
Libera denuncia que nestes eventos os animais apenas teñen posibilidades de sobrevivir e a súa morte é aínda máis cruel, "agonizando polos perdigonazos, afogados na contorna da Toxa ou desangrados no medio do humedal"
Relacionadas:
-
Un xulgado de Pontevedra prohibe os campionatos de tiro ao pichón en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Asociacións animalistas piden suspender un campionato de tiro ao pombiño no Grove
Por Redacción |
-
O PP apoia a pervivencia do "tiro ao pombiño" polo retorno económico que xera
Por Oskar Viéitez |
-
Marea leva o 'tiro ao pombiño' ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |