O convenio colectivo do persoal do Concello de Sanxenxo leva bloqueado tres meses
Por Redacción
Hai tres meses que se asinou o acordo regulador e o convenio colectivo do persoal do Concello de Sanxenxo que afecta a preto de 250 traballadores. Con todo, este acordo segue sen levar ao pleno para a súa aprobación definitiva, segundo denunciaban este xoves representantes de Comisións Obreiras, co secretario de organización, Xosé Luís García Pedrosa, afirmando que o secretario municipal mantén bloqueado o procedemento.
García Pedrosa afirma que en Sanxenxo están a producirse situacións inxustas que veñen de anos atrás e ás que o goberno de Telmo Martín non está a buscar remedio. Por este motivo, os representantes de Comisións Obreiras poñen de prazo ata o 28 de febreiro para que se resolva esta situación. Se non se producen, anuncian o inicio dun calendario de mobilizacións.
Sinalan que, por exemplo, aos axentes da policía Local de Sanxenxo que este verán reforzaron o servizo en días festivos e fins de semana aínda non cobraron o diñeiro que lles corresponde por esa actividade especial, que permitiu ofrecer uns bos resultados en canto á seguridade cidadá durante a movida nocturna na vila turística. Sinalan que a cifra ascende a 15.000 euros, unha cantidade inferior aos ao redor de 20.000 euros que custaba a seguridade privada contratada en anos anteriores.
Os afectados consideran que a falta da aprobación do acordo en pleno é un capricho político e unha falta de respeto, ademais lamentan que tras alcanzar un consenso, o goberno local non o execute mantendo aos traballadores nunha situación de parálise.