Lourizán transforma catro hectáreas de eucaliptal nunha plantación de castiñeiros
Por Redacción
A comunidade de montes de Lourizán rematou recentemente os traballos realizados no Monte do Catadoiro e que consistiron na eliminación de 4 hectáreas de eucalipto e na plantación de 250 pés de castiñeiro de froito.
O eucalipto desta parcela xa fóra cortado 3 anos atrás, pero ao tratarse dunha comunidade pequena, con poucos recursos, houbo que esperar a poder beneficiarse dunha subvención para poder levar a cabo a actuación. Neste caso, da Consellería de Medio Rural, a través de fondos europeos, concretamente dos fondos FEDER, que cubre o 75% do total, que foi de case 7.000 euros.
Como a entidade parroquial ten como política o non uso de herbicidas, o eucalipto xa cubrira novamente a parcela, polo que houbo que eliminalo co uso de medios mecánicos e manuais.
En canto ao castiñeiro, plantouse castiñeiro de froito, concretamente 50 pés da variedade Negral, e 200 da Parede, de 2 savias. Todos os pés son micorrizados, que teñen un prezo moito máis elevado, coa perspectiva de que no futuro se convirta nunha parcela rica en cogumelos.
O maior reto é eliminar os eucaliptos, xa que se renuncia ao uso do glifosato, o método usado habitualmente nestes casos, por ser o máis rápido e barato, pero que conleva a contaminación do chan e das augas. Optarase pola eliminación manual e mecánica, que supón un maior gasto de tempo e diñeiro, e polo uso da auga en polbo, que a entidade parroquial xa testou noutra parcela.
Nas próximas semanas, está previsto levar a cabo unha plantación de castiñeiros e carballos cos escolares da parroquia, nesta mesma parcela, para completar as 4 hectáreas, que supoñen máis do 10% da superficie total dos montes veciñais de Lourizán.
Relacionadas:
-
Savia Nova fusiona o sector forestal e o gastronómico para salvar o monte
Por Manu Otero |
-
A Xunta dá comezo ao deslinde dos montes veciñais de Lourizán
Por Redacción |
-
A comunidade de montes de Lourizán oponse frontalmente á ampliación da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para pararlle os pés ao eucalipto e darlle unha oportunidade ao monte autóctono
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ence priorizará a compra de eucalipto procedente de montes queimados
Por Redacción |
-
Continúan os traballos para a creación dun cortalumes natural no monte de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |