Rouba unha bici exclusiva e descúbreno porque a pon á venda na Internet
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 24 anos foi descuberto como autor do roubo dunha bicicleta que se remonta xa ao mes de xaneiro por cometer unha imprudencia: ofertou o obxecto roubado en Internet, encontrouno o lexítimo propietario, púxose en contacto con el e díxolle que podía encontralo en Vilagarcía de Arousa.
O mozo foi detido por axentes da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía, ten antecedentes policiais e atribúenselle un roubo con forza con escalo.
O roubo que lle acaban de atribuír remóntase ao 12 de xaneiro. Un mozo de Pontevedra denunciou na Comisaría de Pontevedra que lle roubaran unha bicicleta valorada nuns 1.000 euros que tiña gardada no garaxe do seu domicilio. Segundo relatou, accederan tras saltar un muro dun metro e medio aproximadamente.
A bicicleta era un modelo exclusivo con diversas modificacións feitas por un especialista para competir e que a facían diferenciarse das demais.
Pouco tempo despois, o propietario localizou a súa bici á venda na Internet por un prezo de 500 euros e tras poñerse en contacto co vendedor logrou descubrir que se encontraba en Vilagarcía
Puxo os feitos en coñecemento dos investigadores da Policía Nacional e estes, en colaboración coa Comisaría local de Vilagarcía, lograron a identificación do presunto autor dos feitos denunciados. Acabaron deténdoo sobre as 11.00 horas do 17 de abril e el mesmo fixo entrega da bicicleta substraída.