Profesionais do CHOP inician unha campaña de prevención nos colexios públicos
Por Redacción
Profesionais da Unidade Desviacións do Raque do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra iniciaron unha campaña de prevención de dor nas costas dirixida á poboación infanto-xuvenil da cidade do Lérez.
O CEIP Praza de Barcelos acolleu un primeiro obradoiro formativo que ten como principal obxectivo previr a aparición de dor nas costas nos menores e reducir a súa incidencia en idades máis avanzadas.
Os talleres, programados polo servizo de Rehabilitación do complexo hospitalario e en colaboración co Concello de Pontevedra, están dirixidos a mestres e a alumnos de cuarto e quinto curso de Educación Primaria e neles se abordarán determinadas normas posturais e o papel fundamental que ten a actividade física regular na prevención da aparición de dor nas costas.
Neste proxecto, impulsado pola responsable da Unidade Desviacións do Raque, a doutora María Teresa Santamaría; a supervisora da área fisioterapia, Sara Rey Veiga, e o fisioterapeuta da mesma unidade Manuel Fraiz Barbeito, participan un total de cinco fisioterapeutas, dous alumnos de cuarto grao da Facultade de Fisioterapia e catro residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria.
O segundo taller formativo que impartirán os profesionais do complexo hospitalario terá lugar no CEIP Álvarez Limeses o día 31 de xaneiro. Así mesmo, os fisioterapeutas pontevedreses tamén levarán a cabo estes obradoiros nos CEIP Vidal Portela, Xunqueira I e II, e Campolongo, nos vindeiros meses.