Visita guiada ás Brañas do río Tomeza o día no que casan os paxariños
Por Oskar Viéitez
O día 2 de febreiro celébrase a Candelaria, casan os paxariños, e coincidindo con esta data Vaipolorío, un ano máis, celebra e participa no Día Mundial dos Humidais.
Que mellor maneira que facer unha visita guiada ás Brañas do río Tomeza para lembrar o convenio de Ramsar que foi asinado na cidade iraniana do mesmo nome no ano 1971, para preservar e dar a coñecer a importancia destes espazos naturais.
A saída será ás 17:00 horas da estación de autobuses de Pontevedra.
Esta actividade terá unha duración aproximada de dúas horas nas que Amancio Castro de Vaipolorío falará e mostrará a riqueza biolóxica destas brañas.
Desde Vaipolorío lembran que sempre a humanidade foi dada a demonizar estes espazos, ben por precaución ou descoñecemento. Os gregos falan das aves da lagoa de Estínfalo ou a Hidra de Lerna nos traballos de Heracles. Fan unha glosa épica do heroe, non así dos humidais. A nosa mitoloxía fala das pozas dás mouras. No particular Poza da Moura do Gafos tamén existe unha interesante lenda.
Aos poucos os humidais foron desaparecendo. O colectivo ambientalista lamenta que de sempre, estes espazos, parecéronnos inservibles ou ben apropiados para convertelos en chan industrial, deportivo, etc. Como pasou coa Xunqueira de Alba, sempre nos ollos dos "predadores", e hoxe felizmente posta en valor polo Concello de Pontevedra e os comuneiros de Lérez.
Os humidais son de grande importancia ecolóxica, como se explicará nesta saída de Vaipolorío. Neles crece gran parte do plancto que vai dar aos bancos marisqueiros das nosas rías.
O río Cocho-Toxal-Tomeza- Gafos, conta con dous humidais chamados de terreo baixo, como di Calros Solla: boedos, chaguazos ou chagorzas. Un en Bértola chamado "A Fonteiriña" (tramo río Toxal) e outro "As Brañas" en Salcedo (tramo río Tomeza).