Vanessa Rodríguez propoñerá que se repare a nave do servizo de Emerxencias
Por Oskar Viéitez
No pleno municipal de Sanxenxo que se celebrará este luns a concelleira non adscrita e portavoz de Sanxenxo Independentes, Vanessa Rodríguez Búa, ten previsto instar á corporación para incluír na liña de investimentos do Plan Concellos 2018 da Deputación dous proxectos.
Trátase da reparación e acondicionamento da nave de propiedade municipal en Adina, onde se sitúa o servizo de Emerxencias, e a segunda fase construtiva da futura pista polideportiva de Nantes.
Segundo declarou Rodríguez Búa, a nave de Adina foi adquirida hai xa 20 anos "e nunca se investiu na súa reparación e acondicionamento desde entón, de aí o estado lamentable que presenta agora".
En canto á pista polideportiva de Nantes, o pasado ano xa se incluíu unha primeira fase nestas axudas da Deputación e agora a concelleira non adscrita considera que debe completarse esta obra que "era unha demanda dos pais do colexio, que non contaban cun espazo en condicións e non exposto á intemperie para os nenos".