A demanda de plans de mobilidade por parte dos concellos supera as previsións da Deputación
Por Oskar Viéitez
Coma un "auténtico éxito" cualificou este mércores o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a convocatoria de axudas da Deputación para que os concellos da provincia redacten plans de mobilidade sustentable (PMS).
Benítez explicou que 42 municipios acolléronse ás subvencións, o que supón dous de cada tres dos municipios que podían presentarse á convocatoria. Así mesmo, indicou que o seu departamento terá que ampliar de 300.000 a 579.000 euros o crédito previsto para facer fronte ás axudas, cumprindo co compromiso dado de cubrir todas as solicitudes.
A tramitación das axudas provinciais para os PMS está a piques de aprobarse oficialmente. As solicitudes foron supervisadas polo departamento de Mobilidade, verificado que cumpren os requisitos, e entre finais deste mes e inicio de febreiro faranse as concesións mediante resolución de Xunta de Goberno.
Estas comunicaránselle aos concellos, que deberán sacar a licitación os plans e terán un prazo dun ano para a súa redacción e entrega á Deputación, que deberá supervisalos tecnicamente antes do pago das subvencións.
Segundo dixo Benítez, establecéronse unha serie de requisitos mínimos para o pago das achegas provinciais: que os plans de mobilidade sustentable teñan unha serie de esixencias técnicas para garantir a súa aptitude, que haxa un cofinanciamento por parte de cada concello do 25%, e que sexan aprobados en pleno. "Estas esixencias son fundamentais para que non queden no caixón, para que sexan executables", indicou.