En Marea solicitará no Parlamento Galego salvar o edificio da central eléctrica de Mollavao da "piqueta inculta"
Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario de En Marea presentará este xoves no pleno do Parlamento galego unha proposición non de lei e unha pregunta para a súa resposta oral no pleno encamiñadas a paralizar o derribo da vella central eléctrica de Mollavao por seren "un edificio con valor histórico e arquitectónico que merece ser conservado e rehabilitado", como sucede con instalacións similares en moitas cidades de España e Europa.
A empresa Gas Natural-Fenosa ten intención de proceder á eminente demolición do edificio inaugurado hai 90 anos e os membros de En Marea consideran que con esta acción "se dilapidan mostras sinaladas dun patrimonio cultural que todos deberiamos protexer".
En Marea lamenta que a Xunta de Galicia xa permitiu nos últimos anos que se demolesen na cidade de Pontevedra, o Teatro Cine Malvar, a cheminea da Curtidoira, o antigo almacén do sal da Moureira, o Chalé dos Obreiros da fábrica Tafisa e, hai ben pouco, do pequeno pavillón racionalista onde nacera a emisora Radio Pontevedra.
Nese sentido, "e para que non se repitan actuacións propias dunha piqueta inculta", En Marea esixirá na cámara galega, "que non mire para outro lado e poña en garda aos seus servizos de Patrimonio" para que "a nosa mellor arqueoloxía industrial", como é o caso do edificio pontevedrés da central eléctrica de Mollavao, "sexa finalmente salvado dunha vergoñenta demolición".