O BNG chama á mocidade pontevedresa a loitar para "cambiar este sistema cruel e corrupto"
Por Natalia Puga
'A mocidade en loita. Cambiemos este sistema cruel e corrupto'. Con este lema como reclamo, o Grupo Municipal do BNG e Galiza Nova Pontevedra convocan este venres 19 de abril aos mozos pontevedreses a un acto político no centro social do Gongullón.
A cita é ás 20.30 horas e o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e os integrantes de Galiza Nova Alberto Oubiña e María Pousada analizarán "a stuación social e económica que estamos a padecer".
Segundo indicou o responsable local do BNG, Raimundo González, o acto está dirixido de forma particular aos mozos porque no contexto dunha "situación económica e social moi dura, o segmento de poboación onde máis se manifesta esta crise é na xuventude".
Así, indicou que "todos coñecemos cantidade de rapaces con titulaciónes e con varios másters e os que teñen sorte están facendo bocatas en Londres e necesitan os cartos que lle envían seus pais dende aquí" e que vivimos un momento histórico cunha "mocidade moi preparada" que está "ou no paro ou nunha situación de precariedade total e absoluta".
Ademais, o acto tamén abordará a corrupción na España actual, na que se está a enfocar a corrupción coa financiamento dous partidos políticos e pode que sexa a punta do iceberg, pero hai casos como o de Diaz Ferrán, a Casa Real, Rato, Méndez ou Gayoso que nada teñen que ver cos partidos políticos".
Na súa opinión, "con só a acción xudicial sobre persoas corruptas non facemas nada, porque é sistemática". "Non se fixo ningunha limpa das estruturas do Franquismo", indica, para xustificar que "hai que cambiar a estrutura do Estado".