Canicouva cede un terreo de 1.700 metros cadrados para a creación do parque infantil
Por Redacción
A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra decidiu aceptar a cesión de uso dunha parcela de 1.700 metros cadrados na parroquia de Canicouva.
A parcela denomínase Igrexario e atópase moi próxima á igrexa parroquial, á Casa da Cultura e á zona de festa. O terreo pertence á xunta de montes, que realiza unha cesión de uso ao Concello.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, afirmou que se creará un parque infantil neste espazo e vai estudarse a creación dunha pista para prácticas deportivas como fútbol-7.
González destacou que naceron 5 bebés durante o último ano no núcleo de Canicouva, un elevado número de nacementos atendendo á poboación desta parroquia pontevedresa, que rolda os 250 habitantes.