A mellora viaria na Longa, Dorna e o acceso ao colexio de Carballedo estrea o Plan de Obras 2018
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade iniciará a próxima semana o seu Plan de Obras para 2018 co arranque da fase administrativa da mellora viaria na Longa, Dorna e o acceso ao colexio público de Carballedo.
Trátase dunha tripla actuación que foi licitada en concurso público cun orzamento de 124.000 euros e que se centra na dotación de novas capas de rodaxe e acondicionamento dos accesos co obxectivo de facilitar o tránsito de vehículos.
Desta forma a mesa de contratación empezará a valorar as propostas presentadas ante a "inminente" adxudicación dos traballos, segundo asegura o goberno local.
Na Longa procederase á reparación e reasfaltado, cun orzamento de 44.000 euros e un prazo de execución dun mes para unha actuación que incluirá a mellora do viario de chegada ao antigo balneario de San Xusto, na mesma parroquia.
No caso do asfaltado do acceso e saída do paso subterráneo en Dorna, licitouse por valor de máis de 20.000 euros e un prazo de execución de 15 días. Aquí, ademais do asfaltado, actuarase no muro de seguridade para adaptalo á a nova anchura do viario.
Por último na actuación nos accesos ao colexio de Carballedo acometerase unha escavación e desmonte da zona para habilitar un espazo de aparcadoiro. Ademais dotarase o lugar cun sistema de evacuación de pluviais e mellorarase o firme, actualmente de terra, cunha base de xabre e dúas de aglomerado en quente. Nesta obra investiranse 60.000 euros con 40 días de prazo para a súa execución.