En Sanxenxo, as 12 uvas (ou as gominolas) tómanse ao mediodía
Por Redacción
As badaladas do 31 de decembro soarán en Sanxenxo a medianoite, pero tamén ao mediodía. Como en anos anteriores, a Asociación O Cubreiro e o Concello organizan unha festa de fin de ano adiantado que permitirá aos asistentes tomar as 12 uvas con medio día de antelación.
Os promotores explican que a festa ten "a única pretensión de que todos, grandes e pequenos, gocen en familia dun día de festa" e poidan despedir o ano con alegría todos xuntos. Será doce horas antes da medianoite e todos os que estean na Praza Pascual Veiga (fronte ao Concello) tomarán 12 uvas, gominolas ou o que cada un decidise levar.
Segundo informan os organizadores, a partir das 11.30 horas haberá animación musical a cargo da Charanga San Xinés e haberá un photocall para quen queira inmortalizarse fotográficamente este último día do ano.
A festa continuará co "acto purificador" da queima dos calendarios de 2017, acción que busca que "os aspectos máis negativos do ano que conclúe váianse co lume e isto contribúa a que 2018 sexa un ano cargado de ilusións e novas esperanzas" para todos os que se acheguen a este evento.
Numerosos locais comerciais da zona sumaranse ao esforzo de que este último día do ano non sexa só un día máis, colaborando para terminar o 2017 ao grande.
Horas antes, este sábado 30 de decembro, o Concello organiza unha festa de Nadal para os máis pequenos con inchables e obradoiros. Será a partir das 16.30 horas no Pavillón de Baltar.