Pontevedra é o cuarto municipio galego onde máis vivendas se construiron no último ano
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Fomento apunta que este ano 2017 en toda España a construción de novas vivendas destinadas ao uso residencial aumentará un 15% respecto ao ano anterior e un 50% en comparación coa nova obra iniciada en 2015. A peche do exercicio de 2017 iniciouse a construción de 75.000 vivendas.
En Galicia esa reactivación é aínda moi lenta como demostra que con tan só 42 obras executadas no último ano Pontevedra se sitúe como o cuarto municipio galego onde máis vivendas se construiron, segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Esta clasificación encabézaa Santiago de Compostela con 105 vivendas de nova planta, en segundo lugar está o municipio lucense de Foz con 98, seguido no terceiro posto da Coruña, con 63. Pontevedra coincide no cuarto posto co concello coruñés de Oleiros e por diante de Lugo (35), Vigo (22), Ferrol (4) e Ourense (3). Son destacables os datos referidos a Sanxenxo, con 20 vivendas novas, e Poio con 14.
O servizo de Urbanismo do Concello de Pontevedra ten sobre a mesa 350 vivendas entre as obras en marcha nas rúas Pintor Laxeiro e Losada Diéguez, outras en estudo no barrio da Parda ou aquelas que están en tramitación como un edificio na Travesía da Eiriña, outro na esquina Joaquín Costa con Doce de Novembro e un cambio de uso dun edificio de oficinas na Praza Veiga da Eira.
Entre as novas promocións chama a atención o novo intento, agora da man da inmobiliaria Solvia, do Banco Sabadell, por sacar adiante os terreos da antiga Tafisa.
ALUGUER
O Observatorio de Vivenda e Chan elaborado polo Ministerio de Fomento detalla que en Pontevedra hai unhas 5.530 vivendas alugadas e practicamente a metade (o 48%) son inmobles construídos entre 1991 e 2011.