O espírito do Nadal dunha marcha militar
Por Mónica Patxot
Coa participación das Damas e Cabaleiros Alumnos, a Unidade de Música da Escola Naval Militar ofreceu este xoves no Auditorio Afundación de Pontevedra o tradicional concerto de Nadal, cun programa composto por varias marchas militares, pezas de música clásica e panxoliñas.
Este concerto está enmarcado dentro das actividades programadas pola Cátedra "Almirante Álvarez- Ossorio", cofundada pola Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar.
A actual unidade de música da Escola Naval Militar foi creada en outubro de 1940, antes do traslado da Escola de San Fernando a Marín en xullo de 1943.
Na actualidade, o seu director é o comandante músico Francisco García Hurtado, membro da Escala Superior do Corpo de Músicas Militares. Compoñen a banda 49 instrumentistas de madeira, metal e percusión que, en diversas ocasións, colaboraron a nivel solista vocal, instrumental e con masas corais.
As actuacións desta unidade encádranse en atender as necesidades marcadas polo réxime interior da Escola Naval Militar: render honras, paradas militares, xuras de bandeira, despedidas de buques, recepcións a autoridades como formación de música de cámara, e concertos didácticos para a dotación principalmente.
Outro apartado é o que engloba as actuacións fóra da citada escola: concertos e procesións en toda a xeografía galega.
Este ano, ademais de en Pontevedra tamén celebraron en Marín este concerto do Nadal, completando así esta última semana, con varias actuacións en residencias, colexios e centros educativos da contorna.