Rancho de Reis en Marín, da man de Pousos da Area
Por Redacción
A asociación folclórica Pousos da Area organiza para este sábado 23 de decembro, por terceiro ano consecutivo, a reprodución dun Rancho de Reis en Marín. Téntase con esta actividade recuperar unha tradición propia do sur da provincia na época do Nadal, con cantareiros, danzantes e gaiteiros que percorren os camiños con cantos e danzas, acompañando as procesións dos patróns das súas parroquias realizando bailes.
Este sábado, a formación partirá ás 12.00 horas da Alameda Rosalía de Castro e seguirá polo Mercado de Abastos, a praza do Reloxo e a praza 8 de marzo, para finalizar cunha actuación final na Alameda.
Pousos da Area recolleu música, danza, vocabulario, vestimenta e adornos propios do Nadal para desenvolver esta iniciativa. A indumentaria constitúe unha fiel reprodución das roupas que se vestían nos Ranchos de Reis nas zonas de Ponteareas, Salvaterra e Mondariz. A través de fotografías e testemuños de veciños que participaron no pasado deste costume.
Entre os elementos que utilizarán, os espectadores veranse sorprendidos polos chapeus dos homes. Están formados por tea de raso vermello, decorada con cintas douradas, espellos e plumas de pavo. Da parte superior saen dous arcos de bimbia trenzada cuberta de cinta de raso de cores e pola parte posterior prenden varias cintas de raso de cores que chegan ata a cintura.
Estas danzas de Nadal e de Reis pertencen ao conxunto denominado "danzas brancas", motivada pola cor da vestimenta coa que se ataviaban os bailaríns. Para estas danzas, que forman parte do patrimonio inmaterial galego, utilizábanse paus, cintas, arcos e castañetas.