Marín acelera os trámites para que a Casa do Mar pase a converterse nun centro social
Por Redacción
O último pleno da corporación de Marín apoiou que se axilicen os trámites que permitan ao municipio poder contar canto antes coa Casa do Mar e convertela nun centro social.
Desde a construción do novo centro de saúde, o goberno local interesouse neste edificio onde se estaba a ofrecer, ata ese momento, a atención sanitaria. Quere convertilo nun centro para servizos sociais. Desta forma, iniciáronse os primeiros contactos, co apoio de todos os grupos políticos con representación no Concello, para que se cedese este local.
O Consello da Xunta acordaba en xullo a autorización para a retrocesión do inmoble, que debe volver á Tesourería da Seguridade Social, titular do edificio, que llo cedera temporalmente ao Sergas. Na actualidade están a prestarse os servizos na instalación por parte do Instituto Social da Mariña.
O primeiro andar deste edificio conta cunha superficie de 643 metros cadrados e trátase dun inmoble que se atopa no centro de Marín, con fácil acceso para os cidadáns. Desde o goberno da alcaldesa María Ramallo quérese encargar un proxecto de remodelación que mellore as instalacións.
Unha vez que se coñeza o orzamento necesario para a reforma solicitaríase un investimento á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para ofrecer un servizo de atención aos veciños.