Máis de 200 especialistas en mediación debatirán nun congreso no Pazo da Cultura
Por Redacción
O estudo da mediación e o conflito será o tema central do congreso internacional que se desenvolverá do 7 ao 9 de xuño de 2018 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Trátase dun evento que chega á súa terceira edición e a CUEMYC (Conferencia Universitaria para o Estudo da Mediación e o Conflito) é a encargada de promovelo e de difundilo a través dunha rede que conta con máis de 40 universidades de Europa e América Latina.
Este martes, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Educación, Carmen Fouces, recibían á catedrática Francisca Fariña e á profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, integrantes do comité de organización deste evento.
Está previsto que durante eses días visiten a cidade máis de 200 congresistas, que contarán cunha visita guiada pola cidade e a organización dunha actividade cultural complementaria.
Segundo o comité organizador, a esta cita acudirán expertos da Península Ibérica, de Italia, Chile e México, entre outros países. Ao longo das sesións non só analizarase a mediación xudicial senón tamén a necesidade dunha mediación extraxudicial, que axude a resolver os conflitos noutros ámbitos como o escolar, o familiar, civil ou mercantil.