Piden non regalar animais no Nadal: un 40% abandónanse tras varios meses
Por Redacción
A asociación animalista Libera fixo un chamamento a todos os pontevedreses. Pide que non recorran á compra de animais domésticos e exóticos como obsequio do Nadal. Estiman que o 40% dos animais "de presente" serán abandonados durante o primeiro trimestre de 2018.
Libera denuncia que esta conduta segue sendo aínda unha práctica estendida na comunidade, que só contribúe a manter a "cosificación" dos seres vivos como meros obxectos de desexo.
A compra compulsiva, "alimentada pola exhibición de animais en escaparates", podería ter os seus días contados, xa que a nova Lei de Benestar Animal de Galicia, lembra Libera, contempla a prohibición desta práctica comercial despois dun período de adaptación para as tendas e establecementos que aínda venden toda clase de animais vivos.
Os animalistas advirten dun incremento do comercio de pequenos animais como agasallo de Nadal "en base a supostos criterios de comodidade", coma se un coello, cobaia ou hámster, e mesmo tartarugas, "non requirisen o mesmo número de coidados ou non necesitasen ter unha asistencia veterinaria regular".
Son precisamente as especies de menor tamaño as que aumentan en maior número o seu abandono, sinalan desde Libera.
Coa campaña "Non son o teu agasallo", Libera espera concienciar aos pontevedreses sobre a necesidade de non empregar os animais como obxecto, e moito menos realizar transaccións a través de centros ou vendedores non autorizados.
O comercio ilegal, principalmente a través de redes sociais, supón unha fraude fiscal e ningunha garantía de saúde nos propios animais.
Relacionadas:
-
A canceira provincial atende unha media anual de 50 animais maltratados
Por Oskar Viéitez |
-
Difusión Felina, obrigada a frear a recollida de gatos abandonados en Pontevedra ante a falta de casas de acollida
Por Redacción |
-
O Concello consultará con colectivos animalistas e veterinarios a ordenanza de protección animal
Por Alejandro Espiño |