Identificada unha moza por un "furto amoroso" a un ancián pontevedrés
Por Redacción
A Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra logrou identificar o día 14 de decembro á presunta autora dun delito de furto utilizando o "modus operandi" do abrazo.
O feito foi denunciado o día 11 de decembro en dependencias policiais por un home de 84 anos de idade, veciño de Pontevedra, quen relatou que mentres paseaba coa súa esposa á altura do asilo foron abordados por unha muller que finxiu atoparse mal e agarrouse aos brazos do home aproveitando para subtraerlle dous aneis que levaba postos valorados en máis de 2.000 euros.
Por mor da denuncia iniciáronse as xestións para tratar de identificar á autora da subtracción. Tras solicitar datos, a vítima logrou recoñecer á presunta autora da subtracción das xoias. Trátase dunha muller de orixe romanesa, de 19 anos de idade, con boa aparencia física, con antecedentes por feitos similares.
CONSELLOS DE SEGURIDADE
A Policía Nacional imparte charlas en asociacións e centros de maiores de toda España, dentro do Plan Maior Seguridade, con consellos para evitar ser vítima de determinados delitos que teñen como principal obxectivo persoas de avanzada idade.
Estas xornadas de prevención poden ser solicitadas a través de participa@policia.es, ademais, a Policía lembra a través dos seus perfís en redes sociais pautas de prevención e seguridade para os máis maiores, entre elas:
- Desconfíe de persoas que se aproximen a vostede con calquera escusa e ás que non coñeza
- Non faga ostentación de xoias ou obxectos de valor e protexa o seu bolso ou carteira nas grandes aglomeracións
- Non acepte propostas vantaxosas que lle ofrezan na rúa, xa que pode ser tratarse dun timo
- Evite levar grandes cantidades de diñeiro en efectivo
- Procure non levar as claves dos seus cartóns anotados xunto a elas
- Procure ir acompañado por persoas de confianza á hora de realizar cobros ou pagos de certa importancia.