Éxito absoluto da primeira exposición canina internacional de Ponte Caldelas
Por Redacción
Todo un éxito de público e participación. Así foi a experiencia que deixou en Ponte Caldelas a primeira exposición canina internacional, organizada polo Kennel Club España durante esta fin de semana.
Na mostra participaron animais chegados de España, Portugal, Francia, Holanda, Inglaterra e Alemaña. Os gañadores sumaron un punto para o campionato europeo, que se dirime ao gañador dun total de seis puntos nas probas puntuables do calendario continental.
Ademais, durante a xornada do sábado, celebráronse os campionatos de Galicia e España, todos eles na modalidade de beleza. Houbo tamén exposición non competitiva de exemplares de distintas razas. Un total duns 200 cans déronse cita en Ponte Caldelas para participar en todas as competicións da fin de semana.
Juanma López, representante en Galicia do Kennel Club España, afirmou que para tratarse dunha primeira edición, a de Ponte Caldelas alcanzou un gran nivel de organización.
"Sempre hai detalles que corrixir, pero marchamos moi satisfeitos", indicou, recalcando que a exhibición estivo a moi boa altura, seguindo a estela doutras probas similares que organizan en España nas localidades de Pamplona, Sevilla, Almería e Arroyomolinos (Madrid).
A intención do Kennel Club, agrupación que aglutina a unha vintena de criadores de varias razas, todas elas seleccionadas polo respecto aos estándares de cría responsable e promoción da saúde dos animais, é organizar dúas citas galegas a partir do ano próximo, unha delas en Ponte Caldelas, que se consolidaría así como cita obrigada para os criadores.