A Garda Civil incauta en Vilaboa 350 prendas deportivas e 289 pares de zapatillas falsificadas
Por Redacción
A Garda Civil incautou unha partida de roupa e de calzado, supostamente falsificado, no mercado ambulante de Vilaboa que se celebraba durante este fin de semana.
A intervención desenvolveuse a través dun dispositivo especial coa presenza dunha Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Marín e varias patrullas de Seguridade Cidadá, coa intención de erradicar a venda de pezas e outros produtos falsificados que se atopaban á venda.
En dous dos quince postos que foron inspeccionados, os axentes da Garda Civil comprobaron que estaban expostas diferentes pezas deportivas e calzado con etiquetas, supostamente falsificada, de acreditadas firmas comerciais.
Ao ser preguntados, os propietarios dos dous postos non acreditaron a procedencia desas pezas nin tampouco presentaron a autorización das marcas rexistradas para a súa venda. Os axentes procederon a aprehender 350 pezas deportivas e 289 pares de zapatillas deportivas, cun valor no mercado de 28.000 euros.
Os vendedores son dous homes, de nacionalidade ecuatoriana, con domicilio en Ourense e Caldas de Reis. Investígaselles por delitos contra a propiedade industrial. A mercancia intervida púxose a disposición da autoridade xudicial.