Areeiro aconsella actuar con urxencia nos parques públicos afectados de procesionaria do piñeiro
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir no seu aviso fitopatolóxico extraordinario da necesidade de actuar con urxencia contra a procesionaria do piñeiro, sobre todo nos parques públicos, co fin de evitar problemas de saúde para a poboación.
Os técnicos indican que hai que eliminar e destruír os bolsóns das eirugas, promover a presenza de aves insectívoras colocar barreiras cónicas nos troncos para evitar que as eirugas cheguen ao chan, e aplicar insecticidas para impedir que se enterren.
"APOSTA AO VERDE"
A Deputación de Pontevedra vén de organizar en oito centros educativos da provincia, entre eles o IES Luis Seoane e CFEA Lourizán, dez charlas formativas destinadas a promocionar o sector agroforestal e a explicar as potencialidades que pode ter este sector como oportunidade laboral.
"Aposta ao verde", enmarcado no proxecto de fomento da cultura emprendedora serviu como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia.
AS ARAUCARIAS DE CAMBADOS, SENLLEIRAS
O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución pola que se incorporan ao Catálogo de Árbores Senlleiras seis novos exemplares e cinco novas formacións, entre elas as araucarias de Cambados.
O Catálogo de Árbores Senlleiras integra aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
Estes dous exemplares de gran porte, con máis de 31 metros de altura e 2,5 de perímetro, destacan entre as vivendas do casco vello de Cambados.
Esta formación de araucarias acompaña no catálogo galego de árbores senlleiras a outros dous exemplares da mesma especie e similares dimensións: a Araucaria Excelsa da Casa de Tenreiro en Pontedeume, e a Araucaria excelsa do Pazo de Rubiáns, en Vilanova de Arousa.