Un estudo de arquitectura catalán deseñará o skatepark do campus
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal confía en que o skatepark que se construirá á entrada do campus universitario estea "en marcha" ao longo de 2018. Para iso, o Concello contratou á empresa catalá DAW Office, arquitectos especializados neste tipo de equipamento, para que deseñe o proxecto.
O edil Alberto Oubiña explicou que esta compañía deseñou o skatepark de Badalona, todo un referente a nivel nacional. Aos seus responsables, que xa visitaron a parcela na que se situará o de Pontevedra, encargóuselles un espazo orientado ao skate e ao BMX e que sexa "válido" para a organización de competicións nacionais e internacionais.
O Concello quere que sexa un "gran centro de skate" ao que poida achegarse a "flor e nata" destas disciplinas deportivas. "Consideramos que é o momento para levar adiante esta actuación", segundo destacou Oubiña.
O proxecto terá en conta cuestiones como a accesibilidade da parcela, a iluminación, a vexetación e o mobiliario urbano, que quedarán "perfectamente integrados" co espazo que ocupará este skatepark.
A parcela é propiedade da Universidade de Vigo, polo que o goberno municipal estuda a fórmula máis adecuada, probablemente vía convenio, para poder xestionar esta instalación deportiva, que conta co apoio da asociación de skaters da cidade.
Esta iniciativa conta cun orzamento próximo aos 300.000 euros, aos que hai que sumar os 20.000 euros que cobrará a empresa DAW Office no deseño do proxecto.
Ademais, Alberto Oubiña destacou que, tras un inicio "tortuoso", o skatepark provisional de Mollavao está a funcionar no medio dun "bo ambiente" e está a ser utilizado por numerosos mozos e mozas de Pontevedra e outros municipios da comarca.
Relacionadas:
-
Pontevedra rende culto ao skate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Usuarios do futuro skatepark supervisan o proxecto para convertelo en "referente"
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Bronca entre veciños e skaters na apertura do skatepark provisional de Mollabao
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A universidade valora o efecto "positivo" que terá o skatepark ao "revitalizar" o campus
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
O 'skatepark' estará no campus
Por Alejandro Espiño |