Usuarios do futuro skatepark supervisan o proxecto para convertelo en "referente"
Por Alejandro Espiño
Preto de 400.000 euros. É o investimento que se destinará á construción do futuro skatepark de Pontevedra, que se instalará nun terreo situado á entrada do campus universitario da Xunqueira. O anteproxecto xa está redactado e está a ser consensuado cos usuarios.
Ese traballo conxunto, segundo explicou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, está a facerse coa Asociación de Skaters de Pontevedra, que están a supervisar o proxecto para que se axuste ás súas necesidades.
Os representantes deste colectivo, Javier Segura e Brandan Phillips, aseguraron estar "contentos" coa oportunidade de participar no deseño deste equipamento que estará nunha zona, sinalaron, "moi interesante" pola súa proximidade con numerosas instalacións deportivas e que está "a cinco minutos" do centro da cidade.
Ocupará unha parcela "moi grande", destacaron os membros da asociación, e a vexetación e o arborado existente quedará integrado no skatepark. Terá unhas dimensións aproximadas de 85 por 20 metros e contará con espazos diferenciados de rampla, a propia zona de skate e un ámbito para a disciplina street, que incluirá unha "recreación dunha rúa".
Tanto desde o Concello como desde a asociación destacaron que a integración deportiva, urbanística e paisaxística definirá o futuro skatepark da Xunqueira, no que se coidarán moito os detalles técnicos ou lúdicos para que sexa un parque "referente" no país.
Así, ambas partes teñen consensuados xa, a falta de revisar o proxecto definitivo que redacta o estudo especializado Daw Office, os módulos que se colocarán, o reparto dos espazos e a orientación da instalación. Só queda "matizar que cousas queremos", explicou Javier Segura, pulir pequenos detalles e atender as suxestións realizadas desde o colectivo de usuarios.
Alberto Oubiña non quixo marcar prazos para a construción e apertura do futuro skatepark aínda que subliña que os pasos dados "van na correcta dirección" e estanse a ultimar os trámites para a cesión da parcela por parte da Universidade e para completar as tramitacións urbanísticas preceptivas.
Relacionadas:
-
Pontevedra prevé iniciar a construción do skatepark antes de que remate o ano
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares prometen unha zona deportiva conxunta para BMX, skate e parkour
Por Redacción |
-
En menos de tres meses estará listo o carril bici entre o centro do campus universitario e a Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Pontevedra rende culto ao skate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
VIDEO.- Que é o parkour e por que Cidadáns pide habilitar unha zona para os seus afeccionados?
Por Redacción |
-
Un estudo de arquitectura catalán deseñará o skatepark do campus
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Bronca entre veciños e skaters na apertura do skatepark provisional de Mollabao
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A universidade valora o efecto "positivo" que terá o skatepark ao "revitalizar" o campus
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |