A Illa consegue a súa histórica reivindicación dun edificio de usos náuticos
Por Redacción
A veciñanza e o Concello de A Illa de Arousa lograron este sábado unha vella aspiración que mantiñan desde hai moitos anos: contan cun novo edificio de usos náuticos na praia do Bao. A nova infraestrutura era moi demadada polos clubs deportivos do municipio, que contaban con instalacións deficitarias para o desenvolvemento da súa actividade.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias; o deputado de Cooperación, David Regades; e os presidentes da asociación cultural e deportiva Dorna, Salvador Allo, e do club de piragüismo Illa de Arousa, Arturo Paz, inauguraron este sábado as instalacións nun acto ao que acudiron centos de veciños.
Carmela Silva destacou que con esta inauguración a Deputación cumpre co seu compromiso de dar resposta á histórica demanda e indicou que este edificio marcará un fito na provincia de Pontevedra. "É único, é unha beleza, e creo que debemos presentalo a algún premio", engadiu en relación co deseño arquitectónico.
"Un pobo que non respecta aquilo que o fixo grande non merece ser un pobo, e vós sodes grandes e merecedes un edifico como este que tanto tempo estivéchedes a demandar. Para nós era unha obriga facelo. Este edifico era un dereito da veciñanza da Illa, estamos a facer o que tiñamos que facer", sinalou a presidenta provincial. Ademais, destacou que dentro de moi pouco tempo, co apoio da Deputación e do Concello, será realidade a ansiada rehabilitación das casas modernistas do municipio.
O alcalde, Carlos Iglesias, agradeceu o traballo da Deputación e de toda a veciñanza e pediu aos cidadáns que o coiden: "É a nosa casa, este edificio é o símbolo de convivencia na Illa de Arousa".
O edificio de usos náuticos da Illa de Arousa, no que a Deputación de Pontevedra investiu preto de 1,4 millóns de euros, conta con 1.615 metros cadrados que constitúen un novo espazo accesible para todos os veciños da Illa. De feito, no seu interior alberga dende espazos para a almacenaxe de embarcacións e usos deportivos dos clubs da vila, ata ximnasio, aula de formación, vestiarios, aseos, aulas, cafetería, taller de reparación e pintura.
O deseño do edificio, elaborado por persoal da Deputación, está integrado na contorna da praia, respectando o espazo natural no que se sitúa, en plena praia do Bao. Por estes motivos, edificouse nun só andar, cunha ampla terraza na parte superior, da que sobresaen dúas velas que lle confiren un aspecto de barco. Na súa parte superior traseira hai unha bancada con capacidade para 600 persoas para darlle unha maior utilidade social e converter ao edificio tamén nun miradoiro sobre a ría de Arousa.
Relacionadas:
-
Conclúe a rehabilitación das casas modernistas da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Carmela Silva visita na Illa de Arousa as obras de reforma das casas modernistas
Por Oskar Viéitez |
-
O PP denuncia que a Deputación paralizou proxectos no Salnés por 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
As obras do Edificio de Usos Náuticos da Illa retomaranse nun prazo de dez días
Por Redacción |