Os veciños de Portas claman: "SOS! Déixannos morrer sen médico de cabeceira"
Por Oskar Viéitez
Os veciños do Concello de Portas están a recoller sinaturas para "recuperar definitivamente" o médico de cabeceira que lles falta.
"SOS! Déixannos morrer sen médico de cabeceira". Así encabezan o escrito que casa a casa vai sumando apoios dos veciños. Neste documento denuncian que os máis de 3.000 habitantes do municipio de Portas "levan case oito meses privados dos dous médicos de cabeceira que lles corresponden".
O servizo está a cubrirse algúns días "esporadicamente" por parte de diferentes profesionais pero, debido a esta interinidade, non poden facer un seguimento en boas condicións aos doentes.
A campaña de recollida de firmas iniciouse o pasado 19 de novembro e está a ser acollida con gran éxito.