As tres asociacións de mulleres de Ponte Caldelas únense para o 25-N
Por Redacción
As tres asociacións de mulleres de Ponte Caldelas uniranse o próximo sábado 25 de novembro e participarán no acto institucional organizado polo Concello para conmemorar o día internacional da non violencia sobre as mulleres. O acto, do que se están a ultimar os detalles, será na Casa da Cultura a partir das 20.00 horas.
Participarán, en concreto, as asociacións Mulleres Rurais do Verdugo e Mulleres Rurais de Xustáns e a agrupación Aires del Norte y Olé. As súas responsables mantiveron unha xuntanza co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, para avanzar na organización dun evento.
Segundo deron a coñecer, cada asociación dará lectura a un texto ou escenificará a súa opinión ao respecto dos retos da igualdade e/ou a violencia de xénero. Tamén actuará o coro feminino de Santa Eulalia e, ao remate, haberá un viño galego.
Andrés Díaz agradeceu a participación dos tres colectivos femininos de Ponte Caldelas e adiantou a vontade do equipo municipal para que todos os anos se celebre un encontro en clave feminina, coa participación do maior número posible de mulleres caldelás.
Ao acto do sábado están convidadas as 114 socias das Mulleres Rurais do Verdugo, as 54 das Mulleres Rurais de Xustáns e as integrantes da agrupación cultural Aires del Norte y Olé. Tamén está aberto a todas as mulleres que queiran achegarse. O obxectivo, como remarcou o alcalde, é reforzar a estas asociacións difundindo as súas actividades e axudándoas a captar novas asociadas.