O xuízo por unha estafa nun accidente de tráfico saca á luz dúas versións contraditorias
Por Natalia Puga
Un accidente de tráfico rexistrado en xuño de 2013 en Bueu chegou este martes a xuízo na Sección Cuarta da Audienca Provincial e sacou á luz dúas versións do ocorrido que o fiscal ve "antagónicas e completamente contraditorias". Mostraron á sala dúas hipóteses que discrepan mesmo sobre o día en que se produciu o sinistro e, tras celebrarse toda a vista oral, todo quedou visto para sentenza.
A hipótese A facilitouna a parte que acusa neste xuízo. Trátase dun home que explicou que un domingo de xuño facía unha manobra de estacionamento nunha rúa de Bueu cando golpeou un vehículo que estaba estacionado e sen ocupantes e causoulle pequenos danos. Non había ninguén dentro do outro coche, de modo que recolleu o anaco de cristal qu ele rompera e dispoñíase a deixar unha nota no outro coche cos seus datos cando, 10 minutos despois do choque, chegaron dous mozos e dixéronlle que o coche era do pai dun deles.
Segundo esta hipótese A, o fillo do dono do coche díxolle que non tiña os datos do coche, de modo que cubriron un parte cun esbozo do accidente e ambos o asinaron, á espera de cubrir os datos do seguro do coche cando os tivesen. Esta versión, que tamén mantivo a muller que acompañaba ao condutor que causou o accidente, mantén que o accidente non deixou feridos e causou danos materiais mínimos.
A hipótese B mantéñena os dous mozos que figuran como acusados nesta causa e aos que o fiscal, David de la Fuente, dá escasa credibilidade. Iván V.M. era o fillo do dono do coche e o seu amigo Cristian M.E. acompañábanlle. Eles manteñen que todo ocorreu o xoves desa mesma semana e non o domingo. Foran ao ximnasio e, ao saír, estaban xa no coche e dispoñíanse a saír cando chegou o outro vehículo e golpeoulles. Ambos manteñen que si estaban no coche e que o outro condutor cubriu o parte porque o Iván "era a primeira vez que tiña un accidente e non sabía cubrir un parte".
Segundo esta hipótese B, o outro coche deulles "un golpe forte" e, tras cubrir o parte, ambos foron ao Hospital Domínguez. Iván tiña unha escordadura cervical e Cristian unha lesión nun ombreiro polos que ambos reclamaron á compañía aseguradora. O primeiro chegou a recibir 647,78 euros de indemnización e o segundo reclamou unha cantidade maior que xa non chegou a recibir porque se iniciou este procedemento.
Na sala de vistas declararon os dous acusados, os ocupantes do outro coche e un perito da compañía aseguradora que avaliou os danos do coche e asegurou que tiña "danos mínimos" no intermitente e o parachoques. Segundo as súas conclusións, os danos son froito dun "impacto mínimo".
Finalizada a sesión, o fiscal do caso mantivo a súa petición dun ano e nove meses de prisión para o acusado Iván como autor dun delito consumado de estafa e outro de estafa procesual en grao de tentativa e nove meses de cárcere para Cristian. Agora ben, en base á escasa capacidade económica de ambos, reduciu á metade a pena que lles pedía inicialmente, pasando a nove meses de multa a seis euros diarios.
O fiscal mantén que as lesións que pretendían reclamar os acusados son "esaxeradas" e "desproporcionadas" para o "impacto mínimo" que relatou o perito. Ademais, ve contradicións nas súas declaracións e cre "inverosímil" que ambos foran o día do accidente ao hospital, pois non achegan o parte médico e, ademais, Cristian mesmo asegurou que non lle cobraron a pesar de ser un centro privado.