Estudantes do IES Sánchez Cantón amosarán os seus proxectos na Galicia Maker Faire
Por Redacción
Dous grupos de estudantes do IES Sánchez Cantón lograron ser seleccionados na Galicia Maker Faire. Trátase de alumnos do centro que durante o pasado curso participaron no certame británico Teen Tech con dous interesantes proxectos: o dun farol que funciona con panel solar orientable cara á posición do sol e o dun micrófono direccional para persoas con problemas auditivos.
Agora, estes destacados estudantes participarán na Maker Faire, unha feira de inventores que se inclúe no movemento 'Maker'. Neste evento realízase unha demostración da creatividade en diferentes campos que van desde a gastronomía ata a robótica ou a electrónica.
A Maker Faire Galicia realizarase entre o 24 e o 26 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela e trátase da Maker Faire máis grande que se montou en España e unha das máis importantes de Europa.
Neste evento está previsto que interveña Richard Stallman, un dos principais impulsores do software libre, creador do sistema operativo GNU, que co tempo pasou a integrarse no sistema operativo GNU/Linux.
Os estudantes do instituto pontevedrés participarán durante as xornadas de portas abertas do 25 e do 26 de novembro.
Relacionadas:
-
O proxecto de micrófonos direccionais do IES Sánchez Cantón, seleccionado para o InnovAmes
Por Redacción |
-
Alumnos do instituto Sánchez Cantón obteñen o segundo premio na Galicia Maker Faire
Por Oskar Viéitez |
-
Os organizadores dos premios TeenTech concédenlle a medalla de ouro ao Sánchez Cantón
Por Redacción |
-
Os dous proxectos do Sánchez Cantón para o TeenTech, rumbo a Londres
Por Alejandro Espiño |