Louro minimiza a discrepancia co edificio de Hacienda: "O realmente importante é que non quede en desuso"
Por Redacción
Antón Louro minimizou este xoves a discrepancia no seo do goberno municipal ao respecto da antiga sede do Ministerio de Hacienda. O concelleiro de Urbanismo considera que o realmente importante, unha vez que o Goberno anunciou a súa vontade de allear o edificio da súa delegación en Pontevedra, "é que non quede en desuso, porque iso podería dar lugar a situacións de deterioro que ninguén desexa".
Parece unha cuestión de sentido común, engade Louro, "que o que máis interesa a Pontevedra é que o inmoble continúe a ser un xerador de actividade e de postos de traballo e, polo tanto, de dinamización económica da cidade".
O tenente de alcalde reitera que trátase dun ben que está catalogado e cualificado como equipamento. Por tanto, calquera actuación futura deberá partir destas dúas circunstancias e, obviamente, encadrarse no marco da legalidade urbanística derivada das leis e do Plan Xeral de Ordenación Urbana.
A concellería de Urbanismo vería "con moi bos ollos" a continuidade do uso administrativo e/ou público do inmoble en mans de calquera administración. Sen embargo, lembra que tamén hai exemplos "moi evidentes" de edificios monumentais e prazas moi senlleiras de Galicia e de España con usos hoteleiros, entre eles o caso de Santiago co Hostal dos Reis Católicos.
Antón Louro, como titular das competencias urbanísticas no Concello de Pontevedra, subliña que "non está pechado a ningunha posibilidade, sempre que sexa razoable, adecuada ao carácter senlleiro do inmoble que preside os xardíns de Casto Sampedro e a Praza da Ferrería, e supoña vantaxes socioeconómicas para Pontevedra". Porque iso é o que demandan os cidadáns, di, especialmente nestes tempos de crise, "máis alá de posturas preconcibidas".
Finalmente, destaca que coa actual situación económica, e con recentes precedentes como o da antiga sede da Cámara Agraria, é bastante posible que unha hipotética subasta quedara deserta. Se así fóra, engade, resultaría unha "irresponsabilidade" pechar o inmoble e deixalo abandonado.