Louzán e Lores buscan un uso público para o edificio de Hacienda
Por Oskar Viéitez
Deputación e Concello volven collerse da man para buscar un uso público ao edificio de Hacienda na Praza de Ourense.
O concelleiro e deputado nacionalista, César Mosquera, revelou que ambas institucións están a traballar neste sentido e que sobre a mesa atópanse diferentes posibilidades como que o organismo provincial traslade ao centro histórico a sede do ORAL, que sexan oficinas municipais ou ata que acolla novas dependencias do Museo.
Durante a súa participación no programa La Opinión de Radio Pontevedra, o presidente da Deputación, Rafael Louzán e o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmaron que "hai uns meses o Delegado de Hacienda trasladounos unha invitación para visitar as instalacións e ver que se podería facer aí, por si a Deputación tiña interés en ese espazo" nesa visita Louzán dixo atoparse un edificio "desolador" pero quedou en estudar a oferta.
Louzán: "Podería ser una boa causa a recuperación dun edificio histórico desta cidade"
Curiosamente a Deputación xa foi titular deste edificio trala desamortización de Mendizábal, recordou Louzán "e tamén podería ser unha boa causa a recuperación dun edificio histórico desta cidade, pero claro son momentos complicados e hai que darlle un contido".
"A min gustaríame que tivera un uso que dinamizara o centro histórico", indicou o alcalde, sen concretar máis "que teña moita afluencia de xente".
Neste cometido de darlle destino a este emblemático inmoble están a traballar os tres políticos "estamos vendo posibilidades, niso estamos agora mesmo", apuntou Rafael Louzán.
Por parte do Concello son moitas as "posibilidades" que ofrece a antiga sede de Hacienda, que forma parte do patrimonio arquitectónico da cidade, "pero outra cousa son os recursos económicos", sinalou o alcalde.
"Nos vemos moi dificultoso, prácticamente imposible que eso se poida enaxenar así directamente, en todo caso non se podería facer sen contar coa anuencia do Concello á hora de recalificalo", repetiu unha vez máis "cremos que o máis normal, o máis razoable e tentar buscarlle unha solución para que siga dando un edificio público".
Lores: "Dende logo a Deputación forma parte substancial deste tema"
"Dende logo a Deputación forma parte substancial deste tema" resolveu o alcalde. "Hai que sentarse a falar e ver todas as posibilidades de compensación ou non, porque isto pasou por moitas fases, en principio falouse de que ía a haber unha cesión gratuita ao Concello, logo non, as cousas foron cambiando", dixo Lores.
Nestas conversas está moi presente o importante investimento que require o edificio de Hacienda algo que non se lle escapa á Dirección Xeral do Patrimonio. Unha rehabilitación que segundo Mosquera non baixaría dos seis millóns de euros.
Agora Deputación e Concello agardan celebrar unha reunión co secretario de Estado de Patrimonio para despexar as incógnitas suscitadas sobre este edificio construído no ano 1767.
Relacionadas:
-
Hacienda acepta estudar a cesión do seu edificio na Ferrería ao Concello e a Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello quere negociar con Patrimonio o futuro uso e destino do edificio de Facenda
Por Oskar Viéitez |
-
Louro minimiza a discrepancia co edificio de Hacienda: "O realmente importante é que non quede en desuso"
Por Redacción |
-
Os últimos de Filipinas, "atrincheirados" no edificio de Hacienda
Por Oskar Viéitez |